TeCe Redes en galego para a mocidade
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca TeCe Redes en galego.
Esta convocatoria está orientada a crear un repositorio de proxectos dixitais e de servizos presenciais que nutran os seus programas de dinamización lingüística dirixidos á poboación nova e de transmisión xeracional da lingua galega. Na súa denominación empréganse as letras T, C e R para se referir, respectivamente, ás accións de "transmitir", "comunicar" e "tecer redes". O repositorio de proxectos TeCe Redes en galego incorpórase como unha nova sección dentro do Fondo Xacobeo 21-22.
Obxectivos
- Permitir que os profesionais autónomos, as empresas e as cooperativas do tecido económico cultural e artístico vinculado ao proceso de dinamización lingüística e cultural en lingua galega sexan quen de mostrarlles ao público infantil e xuvenil e ás súas familias o seu talento creativo en forma de recursos dixitais, servizos presenciais ou proxectos mixtos.
- Promover que os nenos e as nenas, así como a mocidade, manteñan, e mesmo incorporen, o galego como lingua vehicular de relación na súa vida diaria.
- Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que reforce a súa estima, aumente a súa demanda e elimine prexuízos para estimular nas xeracións máis novas actitudes favorables que se traduzan nun uso xeneralizado do galego, tanto nas súas relacións interxeracionais coma nas comunicacións horizontais entre iguais.
- Conseguir unha oferta diversificada e atractiva de recursos dixitais e de servizos presenciais de carácter cultural, lúdico ou de formación non regrada en galego, deseñados especificamente para o público destinatario, en atención á súa idade e ás súas circunstancias vitais, preferencias e inquietudes culturais, formativas e de ocio.
- Promover unha planificación estratéxica para a achega dos recursos dixitais e servizos presenciais que se xeren ou se executen a través desta convocatoria ás persoas destinatarias coa finalidade de multiplicar o seu alcance.
As persoas que poderán presentar proxectos serán as seguintes:
- Profesionais do sector cultural, creativo e artístico galego que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa profesión.
- Empresas culturais e/ou artísticas que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade.
- Cooperativas culturais e/ou artísticas que estean vinculadas cos procesos de dinamización da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade.
O prazo de presentación de proxectos vai do 9 de abril de 2022 ás 0:00 horas ao 25 de abril ás 23:59 horas.
Comentarios
Publicar un comentario