INSTAGRAM

INSTAGRAM
correspondentesportas

"Ni ♀N ni ♂FF"

 


"Ni ♀N ni ♂FF" é un programa coeducativo de prevención do (ciber)acoso sexual desenvolvido por investigadoras das universidades de Vigo, universidade de Santiago de Compostela e Carlos III de Madrid e liderado polo Grupo de Investigación en Sexualidade, Xénero e Saúde do campus de Ourense.

Busca fomentar na mocidade a prevención do acoso sexual cara a cara e virtual e propón actividades para desenvolver durante os catro cursos de ESO, de 12 a 16 anos.

Previr dende o ámbito educativo o acoso sexual exercido cara a cara ou de xeito en liña na etapa adolescente é a meta do programa coeducativo de prevención do (ciber)acoso sexual desenvolvido polas investigadoras Patricia Alonso (USC), Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M)

O acoso sexual, explican as autoras da publicación, “afecta ao benestar de gran parte da sociedade, especialmente das mulleres e doutros colectivos que transgriden as normas de xénero, evolucionando nos últimos anos sobre todo cara un espazo en liña ocupado, en gran parte, polo colectivo adolescente”.

Actividades didácticas

Os contidos de "Ni ♀N ni ♂FF" organízanse en dous grandes bloques. O primeiro está dedicado ao acoso sexual na dimensión off line e segundo ao acoso sexual na dimensión on line. Dentro do primeiro bloque contémplanse tres áreas temáticas: acoso sexual entre iguais no ámbito educativo; acoso sexual no ámbito público e acoso sexual na parella. Dentro do segundo bloque inclúense outras tres áreas temáticas: do sexting á sextorsion e ao grooming; ciberacoso sexual entre iguais e do ciberacoso sexual na parella á vinganza porno.

Cada unha destas áreas inclúe cinco actividades para traballar ao longo dos catro anos da ESO ou para aplicarse de forma independente. Todas as actividades están deseñadas cun formato moi didáctico, que permite a profesorado e alumnado o seu desenvolvemento paso a paso. Co obxectivo de conectar co público adolescente, hai por exemplo actividades nas que se traballa con cancións populares entre este público, con exemplos de stories de redes sociais ou con materiais de TikTok.


“Trátase de fomentar que as e os adolescentes se relacionen de forma axeitada e saudable e que eviten pórse en situacións de vulnerabilidade”, indican as investigadoras. Aínda que deseñado para ser implementado durante o horario de titoría, o material, indican as súas responsables, pode aplicarse dentro da programación doutra materia, desde a transversalidade, especialmente naquelas que inclúa a temática da educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual, a igualdade entre homes e mulleres ou a educación para a paz e a non violencia. Tamén se pode utilizar este programa na educación non formal e informal, en intervencións extraescolares. O libro en papel, editado por Aranzadi, incorpora tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos interesados.

Máis información na universidade de Vigo, e na universidade de Santiago de Compostela

Comentarios