INSTAGRAM

INSTAGRAM
correspondentesportas

A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia ofrecen descontos ás persoas mozas usuarias do carné xove

 

A Xunta e a Asociación de Festivais de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para ofrecer vantaxes ás persoas mozas usuarias do Carné Xove. En concreto, ofrecerase un 15% de desconto nas primeiras entradas dos seguintes eventos que forman parte da citada Asociación: Son Rías Baixas, SinSal, 17ºRibeira Sacra, Underfest, Vive Nigrán, Barbeira Season Fest, Wos Festival e Revenidas. A sinatura tivo lugar esta semana entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario da entidade, Carlos Alberto Montilla Cortizo.

Para facer efectivo o desconto nas plataformas de adquisición de entradas, os usuarios do Carné Xove deberán poñer o código: CARNEXOVEFESTIVAIS segundo se indique na información de cada festival. Así mesmo, no momento de entrar ao evento deberán presentar o seu carné xove acreditativo e debidamente activado. O acordo farase efectivo a partir do xoves 3 de febreiro, de maneira que será a partir dese momento cando as mozas e mozos poderán comezar a empregar o seu desconto nos diferentes festivais con entradas xa á venda.

Os detalles concretos sobre as condicións para cada un dos citados festivais adheridos ao Carné Xove poderanse consultar no seguinte enlace:
http://xuventude.xunta.es/images/carneXove/guia/Anexo_Festivais.pdf

Ademais da Asociación de Festivais de Galicia, a Xunta mantén convenios de adhesión con outras entidades para ofrecer vantaxes ás persoas mozas. Exemplo diso é o convenio co Clúster de Turismo de Galicia que permite a concesión de descontos en máis de medio cento de establecementos de servizos turísticos, hospedaxe, tendas, ou balnearios. Así mesmo, tamén se ofrecen descontos nos establecementos adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia).


O Goberno galego enviou de xeito gratuíto o Carné Xove o pasado ano ás 400.000 mozas e mozos de entre 12 e 30 anos de idade. Ademais, este carné pasou a ser indefinido e só precisa ser activado para beneficiarse destes convenios e das demais vantaxes das que dispón ao ser recoñecido en toda España e nos 40 países europeos adheridos a esta identificación.

Podes consultar no seguinte enlace todos os descontos que ofrece o Carné Xove: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/2334-establecementos-adheridos

Comentarios