Axudas para aprender Idiomas en países de Unión Europea
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca, en réxime de concorrencia competitiva, 142 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2022, do alumnado universitario matriculado no curso 2021/22 nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia.
As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas presencialmente no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2022, ambos incluídos.
A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1.000 euros.
Requisitos das persoas solicitantes:
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2021/22, como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, validados ou adaptados, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, e ter superado 60 créditos con data do 30 de setembro de 2021, excluídos tamén os recoñecidos, validados ou adaptados.
O alumnado que estea matriculado no traballo fin de grao poderá incluír os créditos que lle correspondan dentro do mínimo dos 50 créditos exixidos.
b) O curso de idiomas debe ser presencial, ter unha duración mínima de tres semanas, excluídas as datas da viaxe, e un mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberase corresponder co idioma oficial do país elixido.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (código de procedemento ED416A).
Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2022.
Comentarios
Publicar un comentario