INSTAGRAM

INSTAGRAM
correspondentesportas

Tecnólogo/a por un día

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca o programa Tecnólogo/a por un día

Nesta edición será formato online para poder seguir contribuíndo a mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas, así como a súa percepción entre estudantes de 15 a 17 anos.  É unha forma de achegar aos estudantes ao contexto e realidade da que formarán parte no futuro a través de tres modalidades distintas de sesións.

Digital Beginner, permitirá a 72 estudantes participar en talleres prácticos ou a resolución de retos e problemas de proxectos reais de forma remota, un xeito único de inmersión nestes traballos da man de profesionais voluntarios/as que lles permitirán achegarse ás ferramentas e coñecementos empregados no día a día.

Digital Recruit con 38 prazas dispoñibles, consiste nunha cita con responsables de captación de talento nas empresas TIC para que os participantes coñezan en detalle as capacidades ou coñecementos máis demandados polas empresas deste sector.

Mentoring DigiTalent dará a oportunidade a 42 alumnos/as de manter un encontro distendido con profesionais de ampla traxectoria no sector TIC que poidan proxectarse como figuras e modelos a emular para os estudantes e co obxectivo de mellorar a súa comprensión e entendemento das profesións dixitais.

Ata o 22 de marzo permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar. Deberán cumprimentar o formulario dispoñible no seu espazo web, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada modalidade de sesión por parte das empresas colaboradoras no programa, indicando as preferencias do alumnado.

As prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo. Co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre as nenas, reservarase para elas un terzo das prazas. Posteriormente, serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e o horario das sesións que resulte conveniente para ambos.

Durante os meses de abril e maio, os participantes mergullaranse nos proxectos tecnolóxicos das empresas TIC colaboradoras. Nesta nova edición os máis de 150 participantes serán acollidos polas 12 empresas colaboradoras: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Sivsa (Grupo Kiom), R Cable y Telecable Telecomunicaciones, Televés e os socios do Clúster TIC Galicia Aldaba, Dos Espacios, Sixtema e Tecalis.

Máis información e solicitudes

Comentarios