Sexismo, misoxinia e discurso de odio en Twitter
“Twitter revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas”.
Esta é unha das principais conclusións do proxecto Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter, que a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro e o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán levaron a cabo no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo.
O estudo baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.
“Este estudo nace da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo que atopamos día a dia na internet”, sinalan os investigadores no póster no que presentan as conclusións dun proxecto que se completou coa creación dunha páxina web e unha serie de podcast nos que analizan os resultados da investigación.
Comentarios
Publicar un comentario