INSTAGRAM

INSTAGRAM
correspondentesportas

Literatura nas marxes. A creación alén do canon.

 

O Arquivo das Trasnas co patrocinio da Xunta de Galicia organiza as xornadas Literatura nas marxes. A creación alén do canon.

As xornadas analizarán tres liñas relevantes da literatura galega: a reivindicación da muller, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+.

A creación en certas temáticas da nosa literatura mantense á marxe do canon literario galego, por máis que estas liñas demostrarse unha revolución en canto á estética e á calidade lingüística. Por ese motivo, cómpre realizar fondas reflexións ao redor da propia existencia do canon galego e sobre o que está a quedar nas marxe, así como dar a coñecer a literatura de gran calidade que fica na periferia do sistema. Ademais, faise preciso analizar as causas que levaron a que esas correntes temáticas quedasen marxinadas, extraendo as vías necesarias para a renovación e adecuación do canon literario actual. Con estes obxectivos xorden as xornadas A literatura nas marxes. A creación alén do canon, que analizará tres das liñas máis relevantes da nosa creación: a reivindicación da muller como suxeito pleno, a desmitificación da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+.

O encontro, enmarcado dentro da semana da poesía, será no salón de actos do pazo de San Roque en Santiago de Compostela os vindeiros 16, 17 e 18 de marzo.

Ao longo dos tres días participarán as/os escritoras/es Mariña Area, Daniel Asorey, Nee Barros, Carlos Callón, Yolanda Castaño, Miriam Ferradáns, Inma López Silva, Eva Mejuto, María Xesús Nogueira, Emma Pedreira, Montse Pena Presas, Mario Regueira, María Reimóndez, Ana Romaní, Marga Tojo, Bieito Troncoco, Marga do Val e Malores Villanueva.

A primeira xornada estará adicada á reivindicación da figura da muller, a segunda ao tratamento da maternidade e a derradeira á presenza de personaxes LGBTIQ+ na nosa literatura.

Para asistir será preciso facer unha inscrición previa a través do enderezo electrónico oarquivodastrasnas@gmail.com.

O prazo estará aberto ata o 15 de marzo e a reserva de praza realizarase para todos os relatorios e mesas concretas ás que se queira asistir cumprindo a normativa sanitaria.


Programa:

16 DE MARZO
18:00 h: Inauguración das xornadas. Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. Daniel Chapela, organizador.
18:20 h: Mesa redonda sobre Xela Arias, coordinada por Bieito Troncoso:
Xela Arias. Camiñar ás aforas. Por Ana Romaní.
Por elección. Xela Arias e as marxes. Por María Xesús Nogueira.
Ensai-la vida en bragas. Por Marga do Val.
19:30 h: A dona e o canon, móbiles cal pluma ao vento. Por Yolanda Castaño.
20:30 h: A lista de compra da poeta. Quere bolsa? Por Emma Pedreira.

17 DE MARZO
18:30 h: Protagonismo das mulleres e vivencia da maternidade na literatura galega anterior á democracia. Por Malores Villanueva.
19:30 h: Mesa redonda sobre a maternidade en Lupe Gómez, coordinada por Mariña Area:
Escribir entre as ruínas. Amor e desarraigo na poesía de Lupe Gómez. Por Mario Regueira.
O aire é un coitelo: a perspectiva da filla en Lupe Gómez. Por Míriam Ferradáns.
Luz na muller invisíbel. Por Marga Tojo.
20:30 h: Mover os marcos do feminismo ou narrar maternidades e feminidades diversas. Por Inma López Silva.

18 DE MARZO
18:00 h: A literatura xuvenil: entre a loita contra os prexuízos e a axitación de conciencias. Por Montse Pena Presas.
19:00 h: Mesa redonda sobre personaxes LGBTIQ+, coordinada por Nee Barros:
TRANSformando o mundo en 22 segundos. Por Eva Mejuto.
O "hermafroditismo da alma" na literatura galega. Por Carlos Callón.
Transformar a 'normalidade': heroes e heroínas do cotián. Por María Reimóndez.
20:10 h: Identidade e rebelión. Por Daniel Asorey.
21:10 h: clausura das xornadas.

Inscrición previa en oarquivodastrasnas@gmail.com ata o 15 de marzo
Capacidade limitada. Uso obrigatorio de máscara, xel hidroalcólico e distancia de seguridade.

Máis información

Comentarios