INSTAGRAM

INSTAGRAM
correspondentesportas

A Banda da Loba. Intempériome. Homenaxe a Xela Arias

 A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias cun novo videoclip no marco da programación das Letras Galegas da Xunta de Galicia.

A peza Intempériome é o videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.

O videoclip pertence ao EP Hasme oír, un novo traballo de A banda da Loba en homenaxe a Xela Arias que verá a luz no mes de abril coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021.

A banda da Loba adoida musicalizar poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á obra de Xela Arias coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

Intempériome

Comentarios